17 de maio de 2012

Ciencia de andar por casa

Na xornada de portas abertas do día 11 de maio, o departamento científico-tecnolóxico organizou unha pequena exhibición de ciencia na que participaron alumnos de 2º, 3 e 4º de E.S.O. Durante a xornada fixéronse experimentos sinxelos con material fácil de atopar. Como soe suceder, non todos saíron ben. Desde aquí, o noso agradecemento a tódolos participantes.











25 de abril de 2012

Novas claves da SIDA

Científicos do Instituto de Investigación del SIDA IrsiCaixa coa participación do Consejo Superior de Investigaciones Científicas descubriron un composto que permite ó virus entrar nas células dendríticas do sistema inmunitario, encargadas de defendernos das infeccións. Este virus entra, logo, noutras células do sistema defensivo humano, os linfocitos  T CD4, e destrúeos.  O descubrimento podería permitir desenvolver medicamentos baseados en bloquear esta chave de entrada para que o virus non puidese penetrar na célula hóspede, aínda que o proceso levará décadas.



22 de abril de 2012

Esta presión vai acabar comigo !


O ser humano está deseñado para vivir en condicións óptimas cando a presión e a temperatura son axeitadas. Se non é así, o noso corpo reséntese ou ten que adaptarse, ás veces coa axuda da tecnoloxía.  A presión atmosférica é o peso de todo o aire que temos enriba de nós por unidade de superficie. A nivel do mar, esta é de aproximadamente 1 atm., pero se subimos unha montaña vai descendendo. Así mesmo, se nos mergullamos no mar aumenta moito. As cousas cotiás, como respirar, poden resultar moi difíciles se a presión non é a habitual.
Cando nos mergullamos na auga, por cada 10 metros de profundidade a presión aumenta en 1 atm. Iso supón non só que os pulmóns, a certa profundidade, non poidan expandirse senón que, incluso cun equipo de submarinismo, hai que tomar moitas precaucións. Se queremos subir de golpe, sen facer as paradas obrigatorias para a descompresión, prodúcese unha repentina expansión dos pulmóns, que pode romper as súas membranas. Ademais, fórmanse burbullas de gas no interior dos nosos vasos sanguíneos que poden matarnos ó non deixar chegar o sangue ós órganos (embolia por aire).
Outras cousas máis triviais tamén cambian coa presión. Se queremos cocer un ovo nunha montaña alta necesitaremos moito máis tempo do normal. A auga ferve a 100ºC a nivel do mar, pero a moita menos temperatura nun pico alto. Como o que coce o ovo é a calor e esta depende da temperatura, o ovo tarda moito máis tempo en cocer. Xusto o contrario do que sucede nunha pota a presión. Nela, a auga está a presión maior que a atmosférica polo que os alimentos reciben máis calor e cocíñanse antes. 

28 de marzo de 2012

O fluxo das augas


Os océanos da Terra son os grandes reguladores do clima. A corrente oceánica que percorre todo o planeta, chamada circulación termohalina, garante que a calor se propague desde o Ecuador ata as zonas polares, polo que se encarga de suavizar as temperatura extremas. Esta corrente é superficial na zona ecuatorial e vai afundindo a medida que se achega a latitudes altas como consecuencia do aumento de densidade debido ás baixas temperaturas.  
    Correntes oceánicas de xuño de 2005 a decembro de 2007

19 de marzo de 2012

EXPERIMENTOS SINXELOS CON FLUÍDOS

Transvase de líquidos inmiscibles
Na aula puidemos ver aspectos sinxelos do comportamento de fluídos. Se dúas copas con auga e aceite están separadas por unha carta, o aceite, menos denso, pode estar na inferior. Cando retiramos a carta, o aceite sobe e a auga baixa.



O ludión
O ludión é un pequeno dispositivo consistente nalgún tipo de obxecto oco e aberto por unha das súas partes.(neste caso, a carcasa dun boli lastrada con clips). Ó metelo nunha botella con auga, flota. Cando apertamos a botella,  esa presión se transmite a tódolos puntos do interior por igual (polo principio de Pascal), co que se desaloxa parte do aire do interior do ludión e isto fai que se reduza o pulo que soporta (principio de Arquímedes). Apertando máis ou menos, podemos controlar a súa flotabilidade.


(Grazas a Óscar Alcántara e Juan Esteban Parra pola súa colaboración)
 


3 de marzo de 2012

CUESTIÓNS

  • Canto tempo podemos vivir sen auga? Pois depende de moitos factores.  En condicións favorables (por exemplo, se non suamos), ó redor dunha semana. Se se produce perda de líquidos, a deshidratación acelerada fai que a morte veña moito antes, nunhas poucas horas. Habitualmente, a auga que perde o corpo (pola suor, a urina, as feces ou a expiración) é compensada pola que bebemos e a que conteñen os alimentos. Esta perda depende moito das condicións ambientais, xa que suar é o mecanismo que nos refrixera cando vai moita calor. Se suamos moito e non recuperarmos a auga, acaba producíndose un quentamento do corpo e unha baixada da presión arterial, co que a morte pode chegar en pouco tempo.
  • Por que nos queimamos co sol? Unha excesiva radiación ultravioleta do sol pode producir queimaduras no corpo, xa que dana as células da pel. A pesar dos filtros do planeta (a capa de ozono) e das persoas (a melanina, o pigmento que dá cor á pel, serve para protexernos da radiación), se tomamos un exceso de sol este acaba danando o ADN das células da derme e producindo, como reacción, o típico arroibamento e a dor que se dan nas queimaduras. Este dano constante ó ADN pode dar lugar, co tempo, a un cancro de pel.
  • Por que os homes teñen pezóns ? Porque os machos e as femias comparten certos caracteres como expresión do seu xenoma. Se ben nas femias os pezóns aseguran unha correcta lactación para os fillos, nos homes non teñen unha función específica pero non supoñen unha desvantaxe evolutiva, polo que se manteñen como estruturas anatómicas ancestrais.