22 de abril de 2012

Esta presión vai acabar comigo !


O ser humano está deseñado para vivir en condicións óptimas cando a presión e a temperatura son axeitadas. Se non é así, o noso corpo reséntese ou ten que adaptarse, ás veces coa axuda da tecnoloxía.  A presión atmosférica é o peso de todo o aire que temos enriba de nós por unidade de superficie. A nivel do mar, esta é de aproximadamente 1 atm., pero se subimos unha montaña vai descendendo. Así mesmo, se nos mergullamos no mar aumenta moito. As cousas cotiás, como respirar, poden resultar moi difíciles se a presión non é a habitual.
Cando nos mergullamos na auga, por cada 10 metros de profundidade a presión aumenta en 1 atm. Iso supón non só que os pulmóns, a certa profundidade, non poidan expandirse senón que, incluso cun equipo de submarinismo, hai que tomar moitas precaucións. Se queremos subir de golpe, sen facer as paradas obrigatorias para a descompresión, prodúcese unha repentina expansión dos pulmóns, que pode romper as súas membranas. Ademais, fórmanse burbullas de gas no interior dos nosos vasos sanguíneos que poden matarnos ó non deixar chegar o sangue ós órganos (embolia por aire).
Outras cousas máis triviais tamén cambian coa presión. Se queremos cocer un ovo nunha montaña alta necesitaremos moito máis tempo do normal. A auga ferve a 100ºC a nivel do mar, pero a moita menos temperatura nun pico alto. Como o que coce o ovo é a calor e esta depende da temperatura, o ovo tarda moito máis tempo en cocer. Xusto o contrario do que sucede nunha pota a presión. Nela, a auga está a presión maior que a atmosférica polo que os alimentos reciben máis calor e cocíñanse antes. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario