Arquímedes (ca. 287 a. C. – ca. 212 a. C.) naceu en Siracusa - hoxe pertencente a Italia- e é considerado un dos mellores matemáticos de tódolos tempos. Non se sabe moito da súa vida, chea de anécdotas que quizais sexan falsas: unha delas conta que, tomando un baño, descubriu o principio de flotabilidade que leva o seu nome e, para celebralo, correu espido pola cidade berrando: “¡Eureka!”.
Estudou en Alexandría, o maior centro de saber da época. En matemáticas foi un dos primeiros en acoutar o valor de π, calculado a partir de polígonos de moitos lados inscritos e circunscritos nunha circunferencia. Con este método calculou que: 3+10/71 < π <3+1/7. Traballou tamén no cálculo de volumes de figuras de revolución: un dos seus resultados máis brillantes é que o volume dunha esfera inscrita nun cilindro é 2/3 do volume deste. Estudou as espirais, a lei da panca, o principio de flotabilidade dos corpos…Construíu o parafuso sen fin, que serve para elevar auga, a polea composta e incluso, segundo a lenda, un sistema de espellos que serviu para prender lume ás velas dos barcos romanos no asedio á cidade. Precisamente morreu, segundo Plutarco, a mans dun soldado romano cando este lle ordenou presentarse ó xeneral e Arquímedes, enfrascado nun problema, negouse. Sexa como fose, o matemático grego ocupa hoxe a cúspide da historia das matemáticas.
Esfera inscrita nun cilindro |