O asteroide 2012 DA14 pasará o venres 15 de febreiro a só 27700 km da superficie da Terra, unha órbita máis próxima que a dos satélites xeoestacionarios (os Meteosat, por exemplo, están a uns 36000 km). Poderá verse no ceo cuns prismáticos potentes.
O asteroide ten uns 45 m de diámetro e o momento de máximo achegamennto á Terra será ás 20:24 h (hora da península), momento no que pasará sobre o océano Índico. O asteroide, cuxa órbita coñécese con bastante precisión, non impactará co planeta. Se o fixese, habería que ter en conta que a súa enerxía cinética é moi alta, xa que se move a unha velocidade duns 28000 km/h, polo que no choque se liberarían uns 2,5 megatóns de enerxía na atmosfera (para facerse unha idea, unhas 200 veces a enerxía que se liberou coas bombas atómicas de Hiroshima e Nagasaki) e produciría unha devastación rexional.
Pero 2012 DA14 non é o único asteroide que vaga próximo a Terra, hai moitos miles e a probabilidade de que choquen co planeta é baixa pero non nula, sobre todo se temos en conta toda a historia da Terra, na que xa se produciron este tipo de colisións.