O Universo non é só máis grande é complexo do que hai só un século pensabamos, senón que probablemente sexa quen de superar a imaxinación máis avezada. A súa idade estimada é de 13700 millóns de anos e a súa composición primordial segue sendo unha incógnita. Sábese, actualmente, que só o 4% deste está composto da materia habitual (protóns, neutróns e electróns). O resto é materia escura (23 %), chamada así porque non emite radiación (polo tanto, luz), e enerxía escura (73 %), que ten un efecto acelerador sobre a expansión do Universo. Hai 13700 millóns de anos, por tanto, que se creou o espazo e o tempo (polo que non ten sentido preguntar que había antes) a partir dunha situación de altísima densidade, o que en física chámase unha singularidade (as leis da física non son aplicables nestes casos). Desde entón, o Universo está expandíndose e arrefriándose e seguirá así para sempre.
Ó principio, o Universo só tiña hidróxeno, helio e algo de litio, os elementos máis lixeiros. Tódolos demais átomos, desde os que compoñen o noso corpo ata os dun anaco de rocha de Plutón, formáronse no interior das estrelas (que empezaron a formarse varios centos de millóns de anos despois do Big Bang, a partir de gas e po) e se estenderon polo Cosmos cando estas morreron.
O noso particular recuncho, o Sistema Solar, con 4500 millóns de anos de idade, é só unha pequenísima parte do Universo situada nun dos brazos dunha galaxia espiral chamada Vía Láctea, formada por centos de miles de millóns de estrelas coma o Sol.