25 de decembro de 2014

4 cousas de Mates que quizais non sabías

Non se pode dividir por cero. 
É unha indefinición matemática (non infinito), polo que non ten sentido. Para que se puidese facer esta operación, o número 0 tería que ter inverso (outro número que multiplicado por el dese 1), o cal non é certo. Máis.

A parte non ten por que ser menor que o todo. 
Nun conxunto finito, a parte é menor que o todo, pero non así nos conxuntos infinitos. Se collemos o conxunto dos números naturais podemos facer corresponder a cada natural un número par, sen que falte ningún, polo que a parte (pares) ten o mesmo número de elementos que o todo (naturais)
                                                   
    Resultado de imagen de "correspondencia""pares""naturales"
Por un punto exterior a unha recta non pasa unha soa paralela.
Na xeometría euclídea, baseada nos postulados de Euclides, si é certo que por un punto exterior a unha recta só pasa unha paralela. Pero no século XIX descubríronse outras xeometrías nas que isto non é certo. Na xeometría esférica (caso da Terra), por exemplo, por un punto exterior a unha recta (pensa nun meridiano), non pasa ningunha paralela (xa que os meridianos se cortan nos dous polos).
                                            
                                                      
Non sempre existiu o CERO.
Na numeración romana (aínda utilizada, por exemplo, nalgúns reloxos) non existía o cero, xa que non se contemplara a posibilidade de usar unha cifra para representar a nada. Foron os matemáticos indios os que inventaron este número, que foi despois traído a Occidente polos árabes. O sistema de numeración que usamos hoxe (coñecido como arábigo) comezou a facerse popular en Europa a partir do século XIII, grazas á obra Liber Abaci de Leonardo de Pisa.