15 de xaneiro de 2012

Habitantes de case nada


O Universo non é só máis grande é complexo do que hai só un século pensabamos, senón que probablemente sexa quen de superar a imaxinación máis avezada. A súa idade estimada é de 13700 millóns de anos e a súa composición primordial segue sendo unha incógnita. Sábese, actualmente, que só o 4% deste está composto da materia habitual (protóns, neutróns e electróns). O resto é materia escura (23 %), chamada así porque non emite radiación (polo tanto, luz), e enerxía escura (73 %), que ten un efecto acelerador sobre a expansión do Universo. Hai 13700 millóns de anos, por tanto, que se creou o espazo e o tempo (polo que non ten sentido preguntar que había antes) a partir dunha situación de altísima densidade, o que en física chámase unha singularidade (as leis da física non son aplicables nestes casos). Desde entón, o Universo está expandíndose e arrefriándose e seguirá así para sempre.
Ó principio, o Universo só tiña hidróxeno, helio e algo de litio, os elementos máis lixeiros. Tódolos demais átomos, desde os que compoñen o noso corpo ata os dun anaco de rocha de Plutón, formáronse no interior das estrelas (que empezaron a formarse varios centos de millóns de anos despois do Big Bang, a partir de gas e po) e se estenderon polo Cosmos cando estas morreron.
O noso particular recuncho, o Sistema Solar, con 4500 millóns de anos de idade, é só unha pequenísima parte do Universo situada nun dos brazos dunha galaxia espiral chamada Vía Láctea, formada por centos de miles de millóns de estrelas coma o Sol.

29 de decembro de 2011

Arquimedianos ?



Arquímedes (ca. 287 a. C. – ca. 212 a. C.)  naceu en Siracusa -  hoxe pertencente a Italia- e é considerado un dos mellores matemáticos de tódolos tempos. Non se sabe moito da súa vida, chea de anécdotas que quizais sexan falsas: unha delas conta que, tomando un baño, descubriu o principio de flotabilidade que leva o seu nome e, para celebralo, correu espido pola cidade berrando: “¡Eureka!”.
Estudou en Alexandría, o maior centro de saber da época. En matemáticas foi un dos primeiros en acoutar o valor de π, calculado a partir de polígonos de moitos lados inscritos e circunscritos nunha circunferencia. Con este método calculou que: 3+10/71 <  π <3+1/7. Traballou tamén no cálculo de volumes de figuras de revolución: un dos seus resultados máis brillantes é que o volume dunha esfera inscrita nun cilindro é 2/3 do volume deste. Estudou as espirais, a lei da panca, o principio de flotabilidade dos corpos…Construíu o parafuso sen fin, que serve para elevar auga, a polea composta e incluso, segundo a lenda, un sistema de espellos que serviu para prender lume ás velas dos barcos romanos no asedio á cidade. Precisamente morreu, segundo Plutarco, a mans dun soldado romano cando este lle ordenou presentarse ó xeneral e Arquímedes, enfrascado nun problema, negouse. Sexa como fose, o matemático grego ocupa hoxe a cúspide da historia das matemáticas. 
Esfera inscrita nun cilindro