27 de febreiro de 2016

BX4- 4 cousas dos humanos que quizais non sabías




Que mono!

Os humanos temos parentesco próximo cos outros primates que viven na actualidade. Así, separámonos dos devanceiros dos chimpancés hai uns sete millóns de anos. Con outros monos temos menos parentesco, xa que as ramas que conducen a eles e a nós separáronse antes.


Blablabla

A capacidade humana para falar é única. As razóns de que poidamos facelo son varias. Entre outras, o desenvolvemento cerebral e a posición da nosa larinxe, máis baixa que no resto dos mamíferos.  Os bebés aínda a teñen alta e por iso poden mamar e respirar a un tempo. Nós, en cambio, xa non podemos respirar e comer á vez e, ademais, podemos atragoarnos, xa que a comida pode ir pola larinxe en vez de polo esófago, aínda que para evitar isto temos unha válvula de seguridade: a epiglote.

Doutra banda, a linguaxe permitiu que o comportamento social dos humanos fóra único. Imaxínate hai 100000 anos sen poder falar ou escoitar, por exemplo, como se debía atacar a un animal para poder cazalo. Sobrevivirías?




A dúas patas

Os nosos devanceiros de hai máis de 6 millóns de anos tiveron que enfrontarse a un cambio climático nas rexións africanas onde vivían: os bosques tropicais foron reducíndose e apareceron amplas chairas (sabanas). Algúns primates empezaron a adoptar unha postura bípede e isto foi unha vantaxe na súa supervivencia, xa que permitía refrixerarse mellor na calor dos trópicos e gastar menos enerxía nos desprazamentos. A cambio, o noso esqueleto tivo que cambiar e as mulleres, por exemplo, paren con máis dificultade que as femias dos outros animais.

O polgar

Mira o teu dedo polgar. Non está de adorno. Fíxate que con el podes facer traballos manuais de moita precisión (pensa nun reloxeiro, por exemplo). Se non fóra polo seu efecto pinza, os humanos non poderíamos ter construído nin lanzas, nin imprentas, nin móbiles.

Ningún comentario:

Publicar un comentario