2 de decembro de 2025

Saliva con premio

Aquí tedes a parte do alumnado de 4º ESO despois de tentar obter ADN da saliva no laboratorio do colexio.  Moito traballo para conseguir unhas pequenas febras brancas no medio dun líquido acuoso. Pero aí estaba: a base da vida na Terra.


11 de novembro de 2025

Bebe o zume que lle van as vitaminas

O alumnado de 3º e 4º ESO asistiu a unha charla da tecnóloga dos alimentos Eva Covelo sobre a importancia do que comemos. O azucre, os mitos da alimentación ou como entender unha etiqueta foron algúns dos temas tratados. Xa, despois, nós decidimos, pero primeiro cómpre estar informados, non si?

8 de novembro de 2025

Morre James Watson

Morre J. Watson, un dos descubridores, en 1953, da estrutura de dobre hélice do ADN. Este descubrimento, un fito na Bioloxía, foi publicado na revista Nature en abril dese ano e valeulle o Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina en 1962, xunto con F. Crick e M. Wilkins. As imaxes de difracción de raios X tomadas por Rosalind Franklin (xa falecida no ano de entrega do premio) foron fundamentais para este descubrimento, aínda que no seu momento a valía da investigadora non foi recoñecida.

30 de outubro de 2025

O electrón estaba aí

O alumnado de 3º ESO observa un feixe de raios catódicos nunha recreación sinxela, no laboratorio, do experimento de Thomson (1897) que o levou ao descubrimento da primeira partícula elemental: o electrón. A desviación do feixe cara abaixo débese a que é unha partícula con carga negativa e interactúa co imán que atopa no seu camiño.