26 de novembro de 2016

Insignificantes

Os humanos levamos máis de 100 anos emitindo sinais de radio (Marconi foi o primeiro que logrou mandar mensaxes a través do Atlántico en 1901). Posto que estan ondas viaxan á velocidade da luz (c=300000 km/s) polo espazo, a estas alturas terán chegado a unha distancia duns 114 anos-luz, unha pequena esferiña duns 9,5 billóns de quilómetros. Se cres que é moito, mira a imaxe. O circuliño azul (abaixo, á dereita) representa unha esfera de 200 anos-luz centrada na Terra, dentro da Vía Láctea. E hai miles de millóns de galaxias como esta no Universo... Se houbese vida intelixente aí fóra, a noticia de que estamos aquí só chegaría ata a metade dese circuliño, afortunadamente para eles.

4 cousas de Física qu quizais non sabías



Atados á Terra

Por que caemos ó chan?: Polo mesmo que os planetas xiran ó redor do Sol. Tódolos corpos exercen unha forza de atracción entre eles (gravidade), pero esta en xeral é pequena. Só cando os corpos teñen moita masa (como os planetas, as estrelas,…) esta forza é grande. De feito, o combustible que leva un foguete gástase case na súa totalidade en vencer a gravidade terrestre para ir ó espazo. Foi Issac Newton o primeiro en explicar como actúa esta forza. Por certo, a gravidade non ten que ver coa atmosfera. Tódolos planetas teñen gravidade, pero non todos teñen unha capa gasosa que os envolva (atmosfera).


Enorme

O Universo observable, que é o que podemos ver con telescopios, ten un radio aproximado de 46000 millóns de anos-luz. Un ano-luz é a distancia que percorre a luz (cuxa velocidade é de 300000 km/s ) nun ano, que vén ser duns 9,5 billóns de km (isto escríbese 9,5·1012 km). Polo tanto, os obxectos máis lonxanos que poderíamos ver están a uns 4,4·1023 km (ou o que é o mesmo, a 440000 trillóns de km). Isto non depende de que a tecnoloxía dos nosos telescopios sexa mellor ou peor; simplemente, a luz do que hai máis aló aínda non tivo tempo de chegar a nós desde o inicio do Universo. 

Minúsculos

Os átomos, que forman a materia coñecida, son moi pequenos, pero para comprender de que tamaño estamos a falar é mellor poñer un exemplo: se collésemos átomos de carbono, por exemplo, e os puxésemos en fila para ocupar todo o extremo da unlla do teu dedo índice (supoñemos 1 cm), necesitaríamos uns 130 millóns de átomos. O átomo máis pequeno é o de helio; o máis grande, o de cesio.
Átomo de carbono


Mundos remotos 

O planeta anano Plutón é un mundo xeado moi alonxado do Sol, que tardou en ser descuberto pola dificultade que supón velo desde a Terra (ata 1930 non se soubo que existía). Ata o momento sábese que Plutón ten cinco lúas, a maior delas Caronte. Inicialmente considerado un planeta, a medida que se atopaban novos corpos preto del (nunha zona chamada Cinto de Kuiper) xurdíu o dilema de ir engadindo planetas ó sistema Solar ou considerar este tipo de corpos como planetas ananos. Finalmente, en 2006,  os astrónomos decantáronse pola segunda opción.