25 de outubro de 2018

FQ4- Caída libre e exercicio

A) Galileo Galilei (1564-1642), considerado o pai da física experimental, foi o primeiro en decatarse de que tódolos corpos caen igual no baleiro, en contra do que pensara Aristóteles. Como na súa época non había forma de facer medidas precisas, experimentou con planos inclinados, de xeito que chegou a comprobar que distintas bólas baixaban coa mesma aceleración.
Galileo defendeu a teoría heliocéntrica de Copérnico e construíu un dos primeiros telescopios, co que observou as montañas da Lúa, os catro satélites maiores de Xúpiter, os aneis de Saturno e as manchas solares. Esta defensa das ideas de Copérnico levaríao á enfrontarse coa Inquisición. Como se retractou publicamente, só foi castigado con arresto domiciliario.
As súas aportacións á física foron determinantes, ata o punto de que xunto coas leis de Kepler e as de Newton sentaron as bases de toda a Mecánica Clásica, que estuda os movementos dos corpos e as forzas que os causan e permite explicar o xiro dos planetas ó redor do Sol.
                     A esfera e a pluma caen á mesma velocidade no baleiro
B) Mira o vídeo do coche eléctrico máis rápido do mundo (en 2016) e, cos datos que dá, calcula:
1- Aceleración 2- Ecuación do movemento e espazo percorrido aos 0,5 s 3- Espazo total percorrido (supoñemos aceleración constante) 
 

1 de outubro de 2018

Mentiras arriscadas

É bastante habitual que persoas con poucos escrúpulos ou moita ignorancia se enriquezan vendendo tratamentos que no mellor dos casos non curan nada.
Hai mentiras moi estendidas e xente dabondo, incluso culta, que as cre, porque cando se ten unha doenza importante, como un cancro, pérdese ás veces o pensamento crítico e é nese momento de debilidade cando os charlatáns están axexando para ofrecernos as súas curas milagreiras.  A ciencia traballa despacio, pero é a única que garantiza que os tratamentos están probados e funcionan porque pasan por moitas fases de ensaios ata que se utilizan en pacientes. Desgraciadamente, non todas as enfermidades se poden curar. 
As persoas que se someten a terapias alternativas por doenzas leves e curan, curarían igual sen ese tratamento. En moitos casos a mellora é simplemente un efecto placebo. (Se me doe a cabeza e me din que unha pastilla de azucre é paracetamol, é probable que ao tomala me atope mellor.)
Algunhas mentiras comúns que se teñen dito e que demasiada xente cre son:
  • O cancro no necesita quimioterapia ou radioterapia porque é a consecuencia dun conflito interno que hai que resolver.
  • A SIDA non está causada polo virus VIH.
  • A homeopatía cura. (NON, aínda que se venda en farmacias.)
  • As vacinas son moi perigosas. (Grazas a elas erradicáronse enfermidades terribles como a variola. Hai un pequeno risco, como con calquera medicamento, pero os beneficios son moito maiores.)
  • Os remedios naturais son bos. (Hai herbas que matan e outras que poden curar e xa se utilizan en farmacia.) 
  • A Acupuntura, o Reiki, a Quiropráctica,... funcionan.
Se estás enfermo vai o médico, que é o que sabe, e non te fíes de charlatáns que o curan todo.Vas perder o tempo, os cartos e a saúde.
Practica o PENSAMENTO CRÍTICO e o ESCEPTICISMO.